Monday 16 de September de 2024

Ponteceso remata as obras de mellora dos accesos ao Toural e a Brixería, cun investimento de máis de 47.000 euros


 A actuación está financiada con fondos da Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural

 En ambos casos regularizouse o terreo e completouse a obra coa colocación de xabre nas zonas onde era preciso

O Concello de Ponteceso vén de rematar as obras de renovación dos accesos ao Toural e a Brixería.
A execución contou cun orzamento de 47.970 euros, financiados a través da Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural.
No acceso ao Toural, as obras consistiron na regularización e a nivelación da superficie, cunha colocación de xabre natural nas zonas necesarias cun espesor medio de 10 cms. A continuación colocouse unha capa de rodadura continua con formigón de 15 cms. Por último, realizarase a recollida de pluviais a través dun tubo de PP corrugado de 400 mm.
No acceso número 2, en Brixería, regularizouse o terreo, cunha achega de xabre natural nas zonas onde foi preciso, cun espesor de 10 cms, e colocouse unha capa de rodadura continua de formigón cun espesor de 10 cms.
O alcalde de Ponteceso, José Manuel Mato, subliñou que “coa renovación destes dous viais municipais melloramos as infraestruturas básicas no municipio, facilitando o acceso e a circulación no tecido comunicativo do Concello”.
Mato quixo destacar que “é moi importante manter as conexións coas parroquias nun bo estado para mellorar a seguridade tanto do tráfico rodado como dos peóns e, tamén, facilitar o día a día da nosa veciñanza”.